Herdeiras, un traballo sobre as mulleres e a memoria
Herdeiras é un libro-CD (poemas musicados e artigos  e un audiovisual) no que colaboran as herdeiras e herdeiros (netas e netos e fillas) de represaliados na época da guerra e a posguerra; e as principais intelectuais e poetas de Galicia que produciron obras sobre este tema. Herdeiras fala de muller e dereitos, fala da construción da identidade, da visibilización, do sentido de herdanza, recuperando historias de mulleres resistentes e solidarias, represaliadas ás veces só por ter loitado por dereitos que hoxe consideramos obvios. Pero tamén fala de memoria, porque o esquecemento non trae a paz serena que queremos, porque non nos queremos repetir e queremos sentirnos orgullosas de ser netas e fillas de mulleres fortes e dignas. 

Con máis dunha vintena colaboradoras e colaboradores- con artigos, música, poesía e cine- este Herdeiras supón unha única homenaxe ás mulleres do período da guerra e a posguerra. Este libro-disco Queremos tamén lembrar as mulleres que hoxe no mundo se atopan en situacións similares, chamando á unión e á esperanza, resaltando a nosa condición de herdeiras e herdeirosdesa forza e valor das mulleres humildes, que foron heroínas anónimas, represaliadas ás veces só por defender dereitos sociais e feministas esenciais.Neste libro-disco, poderá escoitarse a música de Carmen Penim sobre poemas de Helena Villar, Carmen Blanco, Eva Veiga, Marga do Val e Marta Dacosta, ademais de letras da mesma Carmen. A parte do libro conta cunha fermosa gráfica (Númax), fotografía de Xoán Piñón e artigos breves sobre as protagonistas: as mulleres que sobreviviron e resistiron. Ademais, tamén se inclúe a curtametraxe Bucle, que a cineasta Margarita Ledo Andión preparou para o proxecto.

O ESPECTÁCULO
O concerto é intenso e vibrante, dunha elevada calidade e emotividade interpretativa. Xenera unha forte empatía co público a través das historias de mulleres que se van desgranando nas cancións cos poemas das poetas e da propia Carmen. Lonxe de ser triste,conta cunha gran potencia e enerxía. Un camiño dende a escuridade da guerra e a represión ata a luz da esperanza e a unión. A danza confírelle ademáis unha dimensión expresiva única, que xunto coa proxección do audiovisual de Margarita Ledo, fan de Herdeiras un espectáculo único no seu xénero e moi inusual na escena galega.
O estilo musical tén moito de improvisación jazzística, resultando un concerto variado, vivo, cambiante. Isto xunguido a influencias clásicas e populares, como é habitual na música da Penim.

+INFO | Carmen Penim. Quen é?

Carmen Penim é a cantante co fundadora do dúo ítalo-galego 2naFronteira, e verdadeiro motor do mesmo. Dende o 2011 leva editado e producido os catro discos desta agrupación, coa súa pequena produtora, basada no tesón e só nunha economía familiar. Nos seus discos a cultura, a lingua e a literatura galegas son centrais.